venres, 8 de febreiro de 2019

Manifesto




Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019


*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.
 *Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento
 *Manifesta o poema 
o espolio                     dunha perenne miseria,
as violacións                a roupa de cote puñéronma en tiras,
a inxustiza social          sin abrigo tembra,
os desafiuzamentos      embargaránnos todo,
o abuso laboral            que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno
os éxodos                    en errantes hordas.

Do XIX ao XXI

*Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo –que non é aquela que bastardean nas mais ilustradisimas provincias– aínda hoxe é un Manifesto. miña infeliz patria tan desventurada 
*Aqués que tén fama de honrados na vila. Galicia. Ano 2017. 82 agresións sexuais
raposos de sangre maldita. Galicia. Ano 2017. 6436 denuncias por violencia de xénero
vendéume a xusticia. manda, manda, manda, fato, rabaño
Dun golpe! 
                                – Manifesta acción o poema  
*Na xa vella baranda un corpo fala. Arrima o seu seo e no frío da reixa tatúa incisións. Traspasa as nosas carnes. 
*Estas migallas de liberdade. Alertou. Tenteamos nós compracentes os rostros que nos cegan. 
*Aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados. – Manifesta que existen  
*De humanos seres a compauta linea polas fronteiras pechadas en columnas nómades, en fronte o arame.

Do XIX ao XXI

*Escrito en medio de todos-los desterros Manifesta que sabe que non a escoitan  
*Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran. 
*Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra
*Indóciles nos camiños desertos eses versos. 
*Cantos de independencia e liberdade. Manifesto. 
*Acción que se inunda e anega. Cantarte hei  

Ana Romaní
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#LibreOMeuPensamento_rdc_19

Ningún comentario:

Publicar un comentario