Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no
Día de Rosalía de Castro 2018: Abride a fiestra
Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de
vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas
máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e
profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida,
contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha
palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a
couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades,
a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e
o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía
de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un
refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere
abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca
novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a
redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas
gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo
dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da nosa
vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos
a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo,
que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para
tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a
que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo,
mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan,
alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o
espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo.
Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos,
minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou
politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o
transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e
a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a
violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista,
contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a
coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir
simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e
compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á
redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma
ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo
que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.
María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#AbrideAFiestra
Ningún comentario:
Publicar un comentario