xoves, 13 de decembro de 2018







Andrea chega a Barcelona para estudar Letras. As súas ilusións chocan, inmediatamente, co ambiente de tensión e emocións violentas que reina na casa da súa avoa. Andrea relata o contraste entre este sórdido microcosmos familiar e a fráxil cordialidade das súas relacións universitarias, centradas en Ena. Finalmente os dous mundos conflúen nun diálogo dramático.
 
                                                                                                                                                                                                           

O próximo día 14 de xaneiro de 2019 ás 17:30 reunirémonos para comentalo.
Feliz ano e boas lecturas

venres, 23 de novembro de 2018

Samaín





Durante o recreo, Zoe e Miguel (alumnos de 1º de ESO) fixéronnos tremer coa lectura dramatizada do conto inquietante "O Cumpremortes".

mércores, 21 de novembro de 2018

Outeiro de Rei e Mondoñedo






O día 22 de outubro o alumnado de 4º da ESO desprazouse ata Outeiro de Rei para visitar a casa de Manuel María. Pola tarde viaxaron ata  Mondoñedo.




martes, 20 de novembro de 2018







Barcelona, 1968. Rufo Batalla recibe o seu primeiro encargo nun xornal: cubrir a voda dun príncipe no exilio cunha moza da alta sociedade. Coincidencias e malentendidos lévano a facerse amigo do príncipe. O opresivo ambiente da gris España franquista pronto se le fará pequeno a Rufo, que viaxará a Nova York con poco diñeiro, grandes esperanzas  e o obxectivo de facer algo algo emocionante coa súa vida.
   Rufo Batalla será testemuña dos fenómenos sociais dos anos setenta, como a igualdade racial, o  feminismo, ou o  movemento gay.
   




O proximo luns día 26 de novembro ás 17:30 reunirémonios para comentalo.

xoves, 28 de xuño de 2018






O primeiro libro da coñecida Trioloxía Americana.  Roth fai unha crónica sobre a caída do soño americano na fin dos sesenta. Un matrimonio xudeu, ve como se desmoronan os seus valores e o seu mundo perfecto, cando a súa filla se converte nunha loitadora contra a guerra de Vietnam.

 Irse é o  diario persoal de Esmeralda Berbel durante tres anos claves da súa vida: os do seu divorcio. Berbel fai da escritura, unha forma de asomarse á vida que foi e xa non é. 







O próximo 24 de setembro ás 17:30 reunirémonos para comentalo.

Bo verán cheo de felices lecturas.

venres, 15 de xuño de 2018



O pasado 14 de maio reuniuse co alumnado de 2º e 3º da ESO o escritor Marcos Calveiro.

mércores, 9 de maio de 2018










O pasado 25 de abril visitounos o escritor Héctor Cajaraville para compartir co alumnado de 3º da ESO e 1º de Bacharelato as súas experiencias como creador e como xestou os libros A caixiña dos rancores e Once portas

mércores, 2 de maio de 2018






Emilio, un antigo executivo bancario, é internado nunha residencia de anciáns pola súa familia tras sufrir una nova criise de Alzheimer. Alí, aprende a convivir cos seus novos compañeiros  e cos coidadores que o atenden.
















Unha historia de homenaxe á amizade, dunha calidade humana extraordinaria. Retrato da estraña e longa  relación entre unha escritora, —a propia Magda Szabó— e a súa criada —Emerence Szeredas— durante vinte anos. As dúas mulleres viven e viviron dúas vidas que chocan e se atraen. 





O próximo luns 28 de maio ás 17:30 reunirémonos para comentalos.

martes, 24 de abril de 2018





O alumnado de 1º de ESO asistiu o día dez de abril a unha representación da  actriz asturiana Olga Cuervo.

venres, 16 de marzo de 2018






A principios do século XX, chega a unha pequena  aldea perdida nos Alpes  Andreas Egger, tras ser abandonado pola súa nai con apenas catro anos. O neno crece sometido á disciplina do seu tío, e o seu horizonte esgótase na cadea de enormes montañas que rodean o val. Así, a vida de Andreas discorre entre a rudeza do contorno e unha forzosa adaptación aos cambios que impón o  progreso. 



O próximo día 16 de abril reunirémonos para comentalo

venres, 23 de febreiro de 2018
















Para conmemorar o Día de Rosalía o noso alumnado de 1º de ESO escolleu uns poemas para o seu recitado.

xoves, 22 de febreiro de 2018



















Novela de estrutura case policial, El túnel presenta no 
personaxe de María Iribarne a comprensión da totalidade
 e o absoluto á vez que as zonas ocultas de misterio 
que impulsarán a Juan Pablo Castel a asasinala. 


O luns 12 de marzo reunirémonos ás 17:30 para comentalo

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018: Abride a fiestra
Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.
María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#AbrideAFiestra

venres, 2 de febreiro de 2018

Casa de Rosalía de Castro




O día 26 de xaneiro pola tarde, o alumnado de 3º da ESO desprazouse  a Padrón para visitar a Casa Museo de Rosalía de Castro.