Kafka en la orilla é unha novela de corte fantástico escrita polo autor xaponés Haruki Murakami. Nela, atopamos dúas historias paralelas vinculadas entre si que conflúen nunha soa. A primeira, está protagonizada por Kafka, un adolescente tímido e inseguro que foxe da súa casa co propósito de evitar o destino que lle vaticina seu pai. Por outra banda, temos a de Nakaba, un entrañable ancián que, a causa dun accidente acontecido durante a súa infancia, posúe a facultade de falar cos gatos.
Durante a novela vai estar moi presente a fantasía, que se mestura coa realidade a cada momento, impedindo, en ocasións discernir o cotián do inverosímil. Cobra importancia o mundo onírico, que goza dun simbolismo transcendental na trama e que configura o comportamento do protagonista. Este vai emprender unha viaxe en busca de respostas, que o levará ata unha biblioteca, onde coñecerá a personaxes moi excéntricos, que colaboran na creación desa atmosfera fantástica.
Pero esta viaxe non só vai ser física, xa que tamén é unha viaxe interior coa que Kafka espera obter a madurez suficiente para enfrontarse á vida. Kafka en la orilla é unha novela peculiar, extravagante e ás veces confusa, pero altamente recomendable. A velocidade do ritmo narrativo permite ler de maneira rápida e sinxela, suscitando así o interese do lector. En definitiva, animo a todos a gozar desta lectura que, sen dúbida, non deixará indiferente a ninguén. (Pablo Folla, 2º BAC)
Mil gracias Pablo por esta fabulosa reseña. Lo añado a mi lista. Un fuerte abrazo a todos. Se os echa de menos. Arantxa
ResponderEliminar